Saltar ao contido

Esta web só usa cookies propias técnicas, necesarias para o seu funcionamento. As estatísticas de visitas son anónimas e non usan cookies. Máis información no noso aviso sobre cookies.

Aceptar

A CORPORACIÓN MUNICIPAL DO CONCELLO DO GROVE INICIA UNHA CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE SINATURAS PARA SOLICITAR MÁIS PERSOAL MÉDICO PARA O CENTRO DE SAÚDE DA VILA

Logo das reiteradas accións de denuncia ante a progresiva deterioración do servizo de atención primaria no municipio, o Concello do Grove pon en marcha unha campaña de recollida de sinaturas a nivel local para esixirlle á Xunta que contrate máis profesionais da medicina para o centro de saúde do municipio. Esta recollida de sinaturas foi decidida e apoiada unanimemente por todos os partidos políticos que forman parte da corporación.

A falta de persoal sanitario no centro de saúde meco é unha constante que se viu agravada nos últimos meses, o que deixa de manifesto as carencias que está a sufrir e a continua precarización do servizo de atención primaria no Grove.

Así pois, a corporación municipal anima a toda a veciñanza a participar nesta iniciativa popular deixando a súa sinatura. Os pregos para asinar estarán dispoñibles no Edificio Administrativo do Concello, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey e no mercado municipal. Ademais, os estabelecementos abertos ao público (comercios, bares, restaurantes...) da vila que queiran colaborar na recollida de sinaturas poden facelo deixando á disposición da súa clientela eses mesmos pregos.

Todas as sinaturas recollidas, xunto co texto da petición, seranlle trasladadas ao conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia.


Todas as novas